Ademais da renovación do circuíto de colectores, tamén está previsto actuar sobre o firme da calzada e instalar un novo treito de varandas nos sectores da rúa que presentan un desnivel máis marcado
O Concello xa está a ultimar os preparativos de cara ao inicio das obras de mellora previstas na rúa Félix Rodríguez de la Fuente, na Urbanización Breogán, onde se remodelará a rede de recollida de augas pluviais.
Esta intervención, que comezará nos vindeiros días, forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coas veciñas e veciños do distrito. Permitirá renovar o circuíto de colectores que recollen as augas pluviais, que se integrarán na rede separativa xa existente na zona. As novas tubaxes, que estarán soterradas, serán de PVC e presentarán diámetros variables, de 200 a 630 mm en función do treito, o que permitirá reforzar a seguridade ante posibles fugas de augas.
A instalación dos novos colectores será o paso previo ás melloras previstas no firme da calzada de Félix Rodríguez de la Fuente, unha medida necesaria tanto para facilitar o tránsito do tráfico rodado como para facer máis eficiente a drenaxe superficial, co que se permitirá a evacuación de augas cara aos pozos.
A maiores, o Concello, atendendo ao desnivel que presentan algúns sectores da rúa Félix Rodríguez de la Fuente, tamén proxectou instalar un novo treito de varandas que axudará a mellorar a accesibilidade na contorna, reforzando a seguridade peonil nas beirarrúas.
Estímase que o plan de obra poderá completarse en aproximadamente cinco meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.
Esta iniciativa lévase a cabo baixo un formato de cofinanciamento entre o Concello e a Deputación da Coruña, ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais (POS), e supón un investimento de 284.000 euros.