Friday 01 de November de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións participou na entrega de diplomas desta iniciativa que ofreceu 468 horas de formación


Rivo destaca a formación como chave para o acceso ao emprego no peche na Laracha dunha acción que formou 15 persoas desempregadas en atención a dependentes

Os participantes fixeron prácticas en centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en Arteixo, Cerceda, Carballo e A Laracha

Rivo visitou tamén o Programa Integrado de Emprego estreado o pasado novembro na Laracha, dirixido a 100 persoas desempregadas

O novo Plan Galego de Formación para o Emprego 2024 está dotado con máis de 117M€, un 13% máis que no exercicio anterior para impulsar a formación dual e flexible

 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas ás 15 persoas desempregadas que rematan a acción de formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, desenvolvida polo Concello da Laracha.

Este tipo de iniciativas contribúen a dinamizar as economías locais e a abrir as portas do mercado laboral ao alumnado, neste caso 14 mozas e un mozo, que recibiron formación durante 468 horas, que lles dará acceso a un certificado profesional.

Entre os beneficios destas accións cómpre destacar que permiten ás persoas beneficiarias exercer unha práctica profesional real, como foi neste caso, no que os participantes estiveron destinados en centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta en Arteixo, Cerceda, Carballo e A Laracha.

Tras a clausura, a conselleira en funcións desprazouse ao Centro sociocultural da Laracha, onde visitou o Programa Integrado de Emprego (PIE) do municipio, que beneficiará 100 persoas demandantes de emprego cun investimento, por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, de 220.000 euros.

Entre as accións formativas que se veñen desenvolvendo no PIE están as do servizo de comidas en centros sanitarios e sociosanitarios e de xestión loxística. Esta oferta completarase nos vindeiros meses con cursos de cociña, restauración básica, condución de carretilla, limpeza, xestión de ventas, márketing directo, utilización e redes sociais na xestión comercial e aplicacións informáticas de xestión.

Estas dúas accións, lembrou Rivo, demostran o compromiso da Xunta para dotar á poboación de recursos para acceder a unha formación de calidade, adaptada ás necesidades dun mercado laboral en constante cambio.

O novo Plan Galego de Formación para o Emprego 2024 está dotado con máis de 117 M €, un 13% máis que no exercicio anterior para continuar impulsando unha formación dual e flexible, que inclúe obradoiros de emprego en entidades locais e sen ánimo de lucro (56,6 millóns de euros), accións de formación para persoas desempregadas (44 millóns), Programas Integrados de Emprego (10,3 millóns) ou o Plan de formación para persoas traballadoras ocupadas (5,7 millóns). O obxectivo non é outro que seguir construíndo unha poboación activa formada, competitiva e con máis oportunidades.