O Concello de Bergondo informa de que hoxe, mércores 6 de marzo, tivo lugar un incendio nunha vivenda unifamiliar do municipio no que resultou falecida unha muller de 98 anos de idade. O suceso ocorreu sobre as 8.00 horas no lugar de Aldea de Arriba, parroquia de Santa Marta de Babío.
Na vivenda residía unha familia composta por sete persoas: un matrimonio, os seus dous fillos, unha nora, unha neta, máis a bisavoa, que foi a falecida. A muller, con iniciais A.R.G.S., atopábase inmobilizada na cama da súa habitación. Ao parecer, foi ela a que alertou do fume ao resto de ocupantes que se encontraban nese momento na casa (todos menos a nai e un fillo), que foron quen de escapar saíndo por unha ventá e se atopan en bo estado.
A investigación determinará agora a causa do lume. Dos primeiros indicios despréndese que se iniciou na planta baixa da vivenda.
Ata o punto do suceso desprazáronse os efectivos do Parque Comarcal de Bombeiros, Protección Civil de Bergondo, Garda Civil e 061.
A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, acudiu ata o lugar en canto foi informada do acontecido. Alí amosou a súa consternación e tristeza polo suceso e explicou que o Concello de Bergondo porá a disposición dos afectados os servizos de apoio que precisen.