Friday 01 de November de 2024

Reabertas a Aula do Mar e a oficina de turismo de Santa Cristina


A Aula do Mar, situada no Faro de Mera, ten novamente abertas as súas portas tras as obras no seu edificio, para prestar servizo ás persoas que queiran visitala. Tamén está aberta a oficina de información turística que se atopa no paseo de Santa Cristina.

A Aula do Mar é a porta de entrada ao Monumento Natural da Costa de Dexo e Serantes, e consta dunha serie de salas nas que se explica a vida mariña e as senlleiras características naturais e xeográficas desta interesante zona do Arco Ártabro desde a que se divisan as bocas das rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol, a illa da Marola e o treito de costa entre Sisargas e Prior. A aula ocupa o privilexiado edificio da casa do fareiro, construído sobre os cantís entre os dous faros que permiten acceder ao porto da Coruña marcando camiños de luz para os grandes barcos. A súa azotea é un dos miradoiros máis apreciados de todo o Arco Ártabro, xa que se sitúa na súa parte central.

Os horarios e días de apertura irán variando en función das semanas.