A veciñanza dos lugares afectados xa poden realizar a solicitude dos enganches
Continuando coas directrices establecidas no plan director para a mellora do abastecemento no noso concello, que inclúe as actuacións precisas para estender o servizo a toda a poboación, por unha banda, e para eliminar progresivamente as antigas redes de fibrocemento existentes na zona urbana, por outra, xa está en marcha o proxecto da rede de subministro á Baixa de Sofán, na que realizaremos un investimento de 700.000 euros.
As obras serán executadas pola empresa Vázquez y Reino, e as persoas residentes nas zonas afectadas xa poden tramitar as solicitudes de enganche nas oficinas de Gestagua para que se vaian facendo ao mesmo tempo que a obra.
A conexión coa rede xeral realizarase nos núcleos do Alto (Verdillo) e O Forno (Sofán), e dende eles estenderase ao longo dos lugares de Bolón, Sofandónigo, Campo de Arriba, O Pilro, Quintela, A Tapia, O Forno, Periscal de Abaixo, Periscal de Arriba e A Praza, na parroquia de Sofán, e Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, Chacín e a Redonda, na de Verdillo. En total instalaranse 17.178 metros de tubaxes.
Igrexario de Lema e Arnados
A empresa Vázquez y Reino encargarase tamén das obras de saneamento no Igrexario de Lema e de saneamento e abastecemento en Arnados (Razo), que foron adxudicadas por 179.790,37 euros. O inicio tamén é inminente, polo que, como no caso de Sofán e Verdillo, a veciñanza xa pode solicitar os enganches.
No Igrexario de Lema instalaranse 948 metros de tubaxes e 33 pozos de rexistro, mentres que en Arnados colocaranse 798 metros de rede de saneamento e 26 pozos de rexistro, pero tamén se completará o abastecemento nos puntos que carecen do servizo.