Friday 01 de November de 2024

A Concellería de Xuventude de Fene organiza a I Festa Zombie do Samaín


As instalacións do Casino de Perlío acollerán o vindeiro sábado 14 de novembro, a partir das 18.30 horas, a I Festa Zombie do Samaín, evento organizado pola Concellería de Xuventude en colaboración coa Concellería de Cultura e Ensino e o CCRD de Perlío. A festa –non aconsellada para persoas menores de 6 anos- incluirá un obradoiro de maquillaxe, animación musical, un photocall do medo, unha merenda con larpeiradas terroríficas e, xa ao remate da xornada e, a continuación, o chamado baile zombie (flashmob) dende o Casino de Perlío ata a Praza Verde, onde rematará a festa.

Xa esta aberto o prazo para apuntarse ao obradoiro de “maquillaxe con feridas” co que arrincará o vindeiro 14 de novembro a I Festa Zombie do Samaín. O horario da actividade será de 16.30 a 18.30 horas. Todas as persoas interesadas en participar no taller deben apuntarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Fene ata o vindeiro 11 de novembro. Tamén poden anotarse chamando ao teléfono 981 34 03 66 ou enviando un correo electrónico a omix@fenecidadan.gal.

Finalizado o taller, comezará a festa propiamente dita. Dende a Concellería de Xuventude anímase a que todos os participantes veñan terroríficamente disfrazados para que poidan posar no Photocall do Medo que se instalará no Casino de Perlío. Tamén se anuncia, no marco desta I Festa Zombie do Samaín unha merenda con “larpeiradas terroríficas e poción fumeante”. A festa contará con animadores/as de La Guagua e concluirá ás 20.30 horas cun baile zombie (flashmob) dende o Círculo de Perlío ata a Praza Verde.

Máis información na OMIX de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán) ou na web municipal www.fenecidadan.gal