Friday 01 de November de 2024

O Concello dá luz verde ao estudo de detalle que permitirá erixir o primeiro edificio do Novo Chuac


Este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto para mellorar a accesibilidade en 16 paradas de autobús nos barrios de Labañou, Os Rosales, Castrillón, Monte Alto e a contorna dos Mallos e Catro Camiños

O Goberno municipal aprobou hoxe, de forma inicial, oestudo de detalle para a ordenación de volumes da torre polivalente do Novo Chuac, que ademais de acoller o futuro hotel de pacientes —o actual será obxecto de demolición—, tamén concentrará os servizos de administración e xestión da área sanitaria coruñesa.

A aprobación deste estudo de detalle chega despois de que a área municipal de Urbanismo emitise informe favorable á documentación técnica presentada pola Consellería de Infraestruturas, posibilitando a construción desta torre polivalente, de 16 alturas, na parcela que ten asignada. O estudo de detalle será sometido a información pública polo prazo dun mes. O trámite de aprobación inicial do estudo de detalle complétase só un mes despois da recepción da solicitude por parte da Xunta.

“O Goberno municipal amosa, así, o seu compromiso coa folla de ruta trazada para a consecución do Novo Chuac”, apuntou Inés Rey, que lembrou que xa o pasado mes de agosto se aprobou unha modificación do Plan Xeral para abrir camiño á licitación dos traballos para erixir as novas instalacións hospitalarias. “O noso obxectivo é que as obras do Novo Chuac comecen antes de rematar o ano e, por iso, hoxe damos outro paso adiante. A torre polivalente terá 13.700 metros cadrados de superficie entre as 16 plantas previstas e, toda vez se aprobe de forma definitiva o estudo de detalle, o seguinte paso debería ser a licitación das obras da torre”, indicou a alcaldesa.

Melloras de accesibilidade en 16 paradas de autobús

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto para acometer melloras de accesibilidade en 16 paradas de autobús localizadas nos barrios do Castrillón, Os Rosales, Labañou, Monte Alto e a contorna dos Mallos e Catro Camiños.

Os traballos, valorados en 695.000 euros, abranguen a ampliación das plataformas das paradas de autobús para facilitar a despregadura das ramplas de acceso, axudando á correcta subida e baixada de persoas con dificultade de mobilidade. Ademais, disporanse pavimentos diferenciados, tal e como marca a normativa de accesibilidade vixente. E, a maiores, instalaranse novas marquesiñas ou desprazaranse as existentes para cumprir a normativa de aplicación en canto ás dimensións da beirarrúa e zonas de acceso peonil.

Para a posta en marcha dos traballos, o Concello solicitou financiación a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation correspondente ao ano 2022.
“No que vai de mandato, o Goberno municipal xa renovou máis de 40 paradas de autobús na liña de actuación anteriormente exposta. É unha medida necesaria para facer da Coruña unha cidade máis inclusiva, máis próxima ás necesidades das persoas e que atenda ás especificidades demográficas de cada barrio”, explicou a alcaldesa, Inés Rey.

As 16 paradas que se someterán a remodelación son as seguintes:
O Castrillón – Monelos – Os Castros
● Parada 507: Rúa Vicente Aleixandre, 1.
● Parada 18: Praza da Concordia, 27.
● Parada 69: Avenida da Concordia, 188.
● Parada 509: Rúa J. M. Hernansáez, 31.
● Parada 508: Rúa Curtis, 6.
● Parada 65: Avenida da Concordia, 50.
● Parada 15: Praza de Pablo Iglesias, 8.
● Parada 67: Rúa Abegondo, 3.

Os Mallos – Catro Camiños
● Parada 129: San Pedro de Mezonzo.
● Parada 264: Rolda de Outeiro (Hotel Avenida).
Monte Alto
● Parada 173: Avenida de Navarra, 27.
● Parada 549: Estrada de Circunvalación, 15 (As Lagoas).
Os Rosales – Labañou
● Parada 89: Rúa Emilio González López, 32.
● Parada 553: Rúa Emilio González López, 44.
● Parada 87: Rúa Manuel Azaña, 26.
● Parada 85: Rúa Honduras.

Balance de licenzas

Tamén este mércores a Xunta de Goberno Local fixo balance das licenzas resoltas entre os días 10 e 23 de marzo, con 180 expedientes notificados: 23 foron licenzas urbanísticas e 90 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas destaca a que permitirá a construción dun aparcadoiro provisorio en superficie entre as rúas Nova York e Londres, nas inmediacións dun centro hospitalario localizado no barrio da Zapateira.

Ademais, concedeuse licenza para a reforma integral dunha nave industrial situada no 18-20 da rúa Gútemberg, no polígono de Agrela.

Servizo de atención na rúa a persoas sen fogar

Por outra banda, hoxe aprobouse a licitación do servizo de atención na rúa a persoas sen fogar, unha iniciativa destinada a dar resposta ás súas necesidades máis urxentes.

O novo contrato do servizo de atención na rúa a persoas sen fogar contará cun orzamento de máis 181.000 euros por exercicio, e terá unha duración de dous anos.

As obras para a construción do novo campo de fútbol de Eirís, inminentes
Tamén na xornada de hoxe, a Xunta de Goberno Local designou á dirección de obra quelevará a cabo o seguimento das obras de construción do novo campo de fútbol de Eirís, rematando así cos derradeiros trámites para a posta en marcha dos traballos, adxudicados a Construcciones López Cao a finais de 2022.

O Concello levará a cabo un investimento de dous millóns de euros para renovar o campo de fútbol, acondicionar os vestiarios e acometer a instalación do novo peche perimetral do recinto deportivo. “As obras comezarán de xeito inmediato”, anunciou Inés Rey.

Avances na dinamización comercial do mercado de San Agustín

Hoxe, ademais, o Goberno municipal adxudicou un novo lote, composto por cinco postos, no perímetro exterior do mercado de San Agustín, onde se porá en marcha un local comercial orientado á venda de produtos artesanais e naturais.

O prazo de duración da concesión será de quince anos, prorrogables por outros dez ata un máximo de vintecinco.