A área de igualdade tamén elaborou unha “escape room” virtual para conseguir “unha vila libre de condutas machistas”
Lola, Ana, Pamela, Fina, Lili, Carmen, Iria e Marta. Son os nomes propios das oito mulleres que protagonizan a campaña do Día da Muller en Cabanas, unha data que o Concello de Cabanas quixo reivindicar este ano sacando a rúa oito mulleres da vila, traballadoras de diferentes ámbitos, baixo o lema de campaña “por ELAS somos”.
Varias das protagonistas participaron esta mañá no acto inaugural da exposición de fotografía, formada por dous cubos de gran formato con catro fotos cada un (unha foto por muller), que poderá visitarse durante dúas semanas na Avenida do Areal.
A concelleira de igualdade de Cabanas, Paula González, reivindicou na inauguración da mostra “a necesidade de reivindicar e visibilizar o papel das mulleres de Cabanas en diferentes ámbitos”, e chamou a “intensificar os esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego, o empoderamento e a educación en igualdade de oportunidades”.
Escape room virtual
O Concello de Cabanas elaborou tamén unha “escape room” virtual, dirixida ao público adolescente, na que as xogadoras deberán enfrontarse a diferentes retos para superar o xogo e escapar das condutas machistas que afectan a campos como o do traballo, a educación ou os dereitos.
O xogo ambiéntanse “nun lugar onde as mulleres recibían comentarios ofensivos e tiñan que demostrar a súa valía”, polo que se decidiu “nomear unha equipa responsábel de acabar con esta situación”.
Este xogo é accesíbel desde https://i.gal/8mcabanas e no seu desenvolvemento colaboraron as mozas e mozos do grupo de participación xuvenil.
Obradoiro en dereitos laborais
Cabanas tamén forma parte do circuíto de obradoiros organizados pola área de igualdade da Deputación da Coruña arredor do 8M, uns talleres que teñen por obxectivo traballar a prol dos dereitos das mulleres, e especialmente das coidadoras e traballadoras do fogar.
Este obradoiro terá lugar o 14 de marzo, nun horario por determinar, e durante dúas horas buscarase crear un espazo de coñecemento e acción dirixido a coidadoras, xerar reflexión onde poñer en valor os coidados, transmitir e divulgar normativa en material laboral do sector e fomentar estratexias colectivas que impulsen á demanda en materia de dereitos laborais, entre outros.