Friday 01 de November de 2024

Chega a segunda edición de “Máis de Carballo que o pan” para poñer en valor a creatividade local e o orgullo do noso


 Isa Bermúdez, Diego Lago, Clara López, Laura Méndez, César Rama, Nerea Rama e Nerea Vilariño son as/os artistas que participan este ano

 As postais elaboradas cos seus deseños poden recollerse de balde no Museo de Bergantiños, A Praia dos Libros e a Biblioteca Rego da Balsa

Isa Bermúdez, Diego Lago, Clara López, Laura Méndez, César Rama, Nerea Rama e Nerea Vilariño súmanse este ano á iniciativa Máis de Carballo que o pan para amosarnos a través dunha colección de postais moi creativa diferentes aspectos que, a nivel e particular, elas e eles consideran especialmente representativos do noso concello, pero que a nivel colectivo énchennos de orgullo. Porque fomentar o “carballesismo”, como o definiu unha das participantes, é un dos obxectivos desta nova proposta das áreas de Normalización Lingüística e Mocidade, e seguir poñendo en valor a creatividade local, como vimos facendo dende hai anos a través de proxectos como Derrubando muros con pintura ou Son Carballo, outro.
Co fondo do skyline de Carballo, que tamén nos enche de orgullo, cinco das sete artistas que asinan os deseños desta segunda edición de Máis de Carballo que o pan puideron expoñer os seus puntos de vista e explicar que sentimentos hai detrás de cada unha das postais. Xunto a elas estiveron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade, Maruxa Suárez, que felicitou ás creadoras polo seu traballo e fixo un convite á mocidade carballesa para que traslade as súas propostas, ideas ou creacións ao Concello, onde as portas sempre están abertas.

Nesta ocasión, de feito, volvemos a contar con La Playita Studio para seguir descubrindo talentos carballeses. Laura Méndez, que asina unha das postais, valorou como “moi enriquecedor” o feito de que este tipo de iniciativas permitan poñer en contacto a novas e novos creadores, que nalgúns casos non se coñecían previamente pero que a partir de agora teñen algo en común que lles abre as portas a futuras colaboracións. “Faime moita ilusión que se fagan cousas así no noso concello e que nos dean a oportunidade de saír adiante”, apuntou Isa Bermúdez. Na mesma liña se manifestaron Nerea Rama e Nerea Vilariño, á que descubrimos no concurso do cartel das festas do San Xoán cun dos deseños mellor valorados pola veciñanza na historia do certame e á que volveremos a ver moi pronto pintando en Carballo, porque será unha das artistas convidadas da edición estival de “Derrubando muros”. Clara López asegurou que o convite lle fixo moita ilusión, e cualificou a experiencia como “unha súper oportunidade para conectar”. Diego Lago, que está en Londres, e César Rama, que tampouco puido asistir á presentación, completan o cartel de artistas.

Evencio Ferrero puxo especialmente en valor a representación feminina maioritaria, como un exemplo do que achega a muller á sociedade. “O Carballo de sempre _dixo o alcalde_ vaise enchendo de xente nova que vai aportando novas landras, novas pólas, novas creacións, e todo iso forma parte da roda da vida que vai escribindo páxinas. A creatividade en Carballo está nun momento moi doce, e oxalá este colectivo, que algún día lle poñerán nome, teña un longo percorrido e moitas oportunidades en Carballo e fóra de Carballo, en Galicia e fóra de Galicia, en toda a Península e fóra tamén”.

Como dixo o alcalde, temos o convencemento de que cada carballés e cada carballesa van atopar entre as sete postais elementos cos que se sentirán moi identificados. Se queredes comprobalo só tedes que achegarvos polo Museo de Bergantiños, a Biblioteca Rego da Balsa ou a bibliopraia de Razo e pedilas de xeito gratuíto. Bulide antes de que se esgoten!