Friday 01 de November de 2024

Preto de 1.000 incidencias atendidas a través de Liña Verde desde a súa entrada en funcionamento


O Concello de San Sadurniño valora positivamente o aplicativo de comunicación de incidencias

Hai dous anos por esta época comezou a funcionar en probas o aplicativo de avisos Liña Verde, posto en marcha polo Concello de San Sadurniño para que a veciñanza puidese comunicar e sinalar a localización exacta de incidencias de todo tipo. No sistema rexistráronse desde aquela -e ata hoxe mesmo- un total de 989 avisos, boa parte deles solventados sen superar o prazo dunha semana e moitos, sobre todo os dos farois, no mesmo día. Un dos principais valores de Liña Verde reside precisamente en que o aplicativo lle permite ao Concello levar control estatístico en tempo real dos problemas detectados. Neste sentido o maior número de comunicacións correspondeuse coa iluminación pública -591 rexistros-, seguido dos relacionados coa recollida de voluminosos (306).

A partir de aí as cifras distribúense en apartados tan variados como as beirarrúas e vías -27 avisos-, colectores do lixo con algunha deficiencia -17-, mobiliario urbano -9-, recollida do lixo -6-, saneamento -4-, sinais de tráfico -4-, animais abandonados -4-, áreas de lecer -3 avisos- e, por último, outras 18 comunicacións sobre distintas cuestións que non encaixan en ningunha das anteriores.

Segundo comentou esta mañá o alcalde, Secundino García, o programa informático que sostén o funcionamento do sistema “énos de moita axuda para ter unha visión xeral sobre o estado de distintos servizos”.

Tal e como explicou o rexedor, a base de datos que se xera con todos os avisos “indícanos que houbo moitas incidencias de luces públicas, debido a que temos unha rede moi extensa que aínda non se renovou completamente e porque tamén é un servizo moi exposto aos efectos do mal tempo. Temos contratado o mantemento eléctrico e habitualmente soluciónanse no mesmo día. Tamén se contabilizan moitos avisos de voluminosos, aínda que neste caso hai que ter en conta que a inmensa maioría son comunicacións de recollida que fai a xente e que nós introducimos no sistema Liña Verde para ter centralizado alí o seguimento do servizo”.

“De momento estamos contentos con como funciona, co resultado que está dando”, engade García Casal, agradecendo ademais “que a xente continúe comunicando incidencias por este ou outros medios, porque é a maneira de seguir mellorando”.

Desde o móbil
O funcionamento de Liña Verde é moi sinxelo. Descárgase de forma gratuíta desde a App Store ou desde Google Play e, unha vez o teñamos instalado, deberemos entrar nel e escoller o noso Concello -San Sadurniño- xunto co idioma en que queremos que se mostre. Feito isto a app xa estará lista para facerlle chegar á Administración local calquera incidencia ou problema que atopemos, coa posibilidade de adxuntar unha fotografía, unha pequena descrición e a súa localización exacta.

A través de Liña Verde -que ten versión web: www.sansadurninoverde.gal– tamén é posible facer consultas de tipo ambiental -reciclaxe, normativa, etc.- que obterán resposta por parte dun equipo de persoas expertas no prazo máximo de 24 horas.

Liña Verde complétase cun apartado de información e cunha canle de avisos de servizo público no móbil (cortes de rúas, interrupcións de subministración etc.). Dispón ademais de información turística sobre o municipio e ofrece outros servizos a través da liña 902 193 768 en horario de 8 a 17:00h., aínda que o custe da chamada é de 7 céntimos minuto.