Friday 01 de November de 2024

A Xunta equipa con 61 novos vehículos aos axentes medioambientais para facilitar as tarefas de protección e conservación do patrimonio natural


A Xunta de Galicia fixo entrega hoxe dun total de 61 novos vehículos para facilitar as tarefas de protección e conservación do patrimonio natural aos axentes medioambientais e vixilantes de recursos naturais.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nun acto coas axentes e vixiantes de toda a Comunidade, repartiu os 15 todoterreos e 46 pick up, adquiridos en modalidade de renting grazas ao investimento de 1,92 millóns de euros.

Indicou que estes vehículos súmanse aos 81 xa entregados en 2019, e nos que se investiu case 2,4 millóns de euros e que continuará coa renovación do 100%; co fin de equipalos coas mellores ferramentas de traballo para garantir a conservación dos bens naturais de todos os galegos.

A conselleira destacou que con esta adquisición avánzase un paso máis na renovación do parque móbil da Consellería, pensado para estes efectivos que cada día se achegan á multitude de espazos naturais, para velar pola riqueza forestal, cinexética, piscícola e de flora e fauna.

Por último, afirmou que “ser traballador da Consellería e do departamento de Patrimonio Natural, concretamente, implica ter unha dobre sensibilidade e equilibrio”. Salientou que os axentes medioambientais “están no territorio”, en contacto coa xente facilitando información aos veciños; e por outro lado, “teñen que estar para facer cumprir as normas”, o que significa inspeccionar, vixiar, levantar actas e facer informes.