Friday 01 de November de 2024

O dispositivo anticovid do Coliséum, referente no noroeste peninsular


A situación sanitaria non impediu que algo máis de mil persoas asistiran finalmente a cada un dos concertos que ofreceu Pablo López no Coliséum

A pasada fin de semana o Coliséum acolleu dous  concertos de Pablo López, cunha asistencia de máis dun milleiro de persoas, e volveu converterse no estandarte dos grandes directos a cuberto no noroeste da península. A demostración de máxima seguridade e o protocolo anticovid desta pasada fin de semana mereceuse o selo de “concertos seguros” e xa é referente no noroeste peninsular.

Habilitáronse máis de 500 metros de carrís que permitiron un acceso fluído en todo momento. O público achegouse de forma graduada e puido acceder practicamente sen colas aos seus asentos grazas á presenza da Policía Local, que axilizou o acceso rodado, e dos axentes do Corpo Nacional de Policía, que velaron pola seguridade nas diferentes entradas ao multiusos.

As máis de 30 persoas destinadas á seguridade e ao control de accesos, xa no interior do recinto, contaron coa colaboración permanente do público que xa viña coas súas entradas descargadas nos dispositivos móbiles.

Non foi necesario empregar nin a primeira máscara das postas ao dispor do público para atender perdas, roturas ou esquecementos, o que amosa o comportamento exemplar que tivo o público durante ambos os concertos. Incluso, durante as locucións que repasaban as normas de seguridade e pedían a colaboración para seguir dando pasos na reactivación dos eventos musicais escoitáronse aplausos.

Ata o artista colocouse a súa máscara cando no segundo concerto apareceu por sorpresa na zona do público para interpretar o último tema, no que era a despedida musical desta inesquecible fin de semana. Tanto o dispositivo preventivo de Bombeiros como o servizo sanitario de Cruz Vermella deixaron en branco o parte de incidencias en ambas as citas.

A sala de illamento ante casos sospeitosos de contaxio quedou sen uso e as saídas resultaron exemplares. O público agardou sentado pola súa quenda para evacuar o edificio dunha forma ordenada co fin de garantir en todo momento a distancia de seguridade. Mesmo chegou a ser ovacionado o persoal de acomodación, seguridade e Protección Civil, polo seu labor durante o desaloxo.