• A intervención consistiu no arranxo da pista deportiva, de varias placas de madeira e na reparación dos bambáns, así como nunha limpeza xeral da área.
• Intensificaranse as tarefas de vixilancia na zona co obxectivo de evitar actos vandálicos e xuntanzas fóra do horario establecido.
O Concello de Malpica acaba de reabrir o parque infantil do casco urbano unha vez finalizadas as obras de acondicionamento que se realizaron na área durante as últimas semanas.
Entre os traballos estivo o arranxo e adecuación da pista deportiva, que presentaba numerosos estragos polo uso e o paso do tempo, así como do pavimento da zona de xogo. Tamén se repararon os bambáns, varias placas de madeira e executouse unha limpeza xeral das instalacións.
O seu horario de uso será de 9:00 a 21:00 horas todos os días da semana. Coa súa reapertura incrementaranse as tarefas de vixilancia co obxectivo de evitar actos vandálicos e xuntanzas fóra das horas establecidas. Preténdese así velar polo conservación do parque e as condicións de seguridade para as persoas usuarias.
“As nenas e nenos de Malpica poderán desfrutar de novo dun parque en óptimas condicións”, destacaron desde o goberno local. Neste sentido, pediron a colaboración da veciñanza para “conservar estas instalacións en bo estado durante moito tempo”. “As autoridades competentes sancionarán calquera acto incívico que se dea na zona e no resto do municipio”, concluíron.