Friday 01 de November de 2024

Semana de teatro, cine e música para os cativos da casa a través do programa ‘Papeques’


· O acceso aos espectáculos é de balde, pero as prazas son limitadas, polo que será precisa a inscrición ou a retirada previa de convites.

A través do ciclo ‘Papeques’, Carral vivirá unha semana de teatro, música, cine e contacontos para os cativos e cativas da casa. O programa, que comezou o pasado 7 de maio, ofrecerá ao longo desta e das vindeiras semanas, proxeccións, funcións teatrais, música e contacontos.

A oferta semanal arrincará mañá, xoves 20 de maio ás 18.00 horas, na Casa da Cultura. A agrupación Talía Teatro aterrará no municipio coa súa obra “Rosa Caramelo”. A compañía falará, durante a función, dos roles e estereotipos de xénero contando a historia dunha elefanta que non consegue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo.

O venres, 21 de maio ás 18.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a proxección da película “La familia Adams”. No filme, os membros desta peculiar familia estanse a preparar para unha festa mentres agardan a chegada doutros parentes.

Lydia Botana traerá a Carral “A feira das linguas”, un espectáculo que mestura música e teatro dirixido a nenos e nenas maiores de 7 anos. Será este sábado, 22 de maio ás 18.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio.

Por último, o grupo de música Mamá Cabra tomará parte tamén nesta 4ª edición de ‘Papeques’ co seu obradoiro de arrolos, dirixido a nenos e nenas de 0 a 3 anos. O evento levarase a cabo o domingo, 23 de maio, ás 12.00 horas no local Xente Nova de Tabeaio.

As actividades levaranse a cabo atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir o risco de contaxio pola covid-19. Así, as entradas –de balde- serán limitadas co fin de garantir a distancia interpersoal entre o público asistente e os aforos. As persoas interesadas poderán obter os seus convites chamando ao 981 67 25 80 -72 horas antes da celebración da actividade-.

‘Papeques’ conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da súa Rede Cultural, e da Xunta de Galicia por medio de Ler conta moito.