Friday 01 de November de 2024

Feijóo avanza que a Xunta investirá este ano preto de 4 millóns en mellorar o acceso ao gas natural na Comunidade para acadar que en 2020 sexan un 80% máis os polígonos industriais que dispoñan deste servizo


Destaca que desde 2009 ata agora se incrementou un 158% o número de polígonos que empregan gas natural

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta investirá este ano preto de 4 millóns en mellorar o acceso ao gas natural na Comunidade para acadar que en 2020 sexan un 80% máis os polígonos industriais que dispoñan deste servizo.

Durante a inauguración do gasoduto da Mariña, Feijóo afirmou que con esta infraestrutura o Goberno galego reafirma a prioridade máxima da súa política enerxética, que busca mellorar o acceso ao gas natural en toda Galicia e, neste sentido, incidiu en que se hoxe en día son 44 os polígonos que empregan gas natural -un 158% máis con respecto a 2009-, o obxectivo é que no 2020 sexan 80; é dicir, un 80% máis.

Así mesmo, subliñou que se no ano 2009 o número de concellos que tiñan gas natural en Galicia eran 28, hoxe son 69 “o que supón un incremento do 147%”, dixo, ao que engadiu que se en 2009 o número de persoas que tiñan gas na Comunidade eran 700.000, agora son 1,8 millóns de galegos -un incremento do 152%-. E no que se refire ao número de vivendas con gas natural, este aumentou nos últimos cinco anos un 114%.

Ante estas cifras, Feijóo afirmou que “a pesar da recesión económica esas infraestruturas que non se ven creceron máis que nos momentos de benestar e temos que seguir nesta liña”.

Revitalizar o tecido industrial da fachada norte de Galicia
Ademais de revitalizar o tecido industrial da fachada norte de Galicia, Feijóo afirmou que nesta infraestrutura atópase unha clara aposta pola vertebración do territorio que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos cidadáns, que favorecerá un maior aforro para as familias, e que mellorará a competitividade das pequenas e medianas empresas da comarca.

Non en van, esta obra suporá beneficiar 55.000 veciños da área, que poderán ter opción dun novo combustible; aumentará a competitividade das empresas locais; “e permitirá ofrecer nos portos da Mariña un novo sistema enerxético de propulsión, o GNL, combustible para os barcos de pesca”.

O gasoduto da Mariña, imprescindible para garantir a viabilidade da planta de Alcoa
Neste mesmo sentido, Feijóo afirmou que se trata dunha infraestrutura imprescindible para a planta de Alcoa, un dos complexos industriais máis importantes de Galicia e o principal motor económico da Mariña lucense. “O novo gasoduto da Mariña propiciará que a planta de alumina do complexo Alcoa San Cibrao, en Cervo, abandone o consumo do fuel e empregue unicamente o gas natural como combustible nos seus procesos de produción”, dixo.

“Estamos a falar de que a fábrica de Alcoa en Galicia é a maior de España e dá emprego a 1.600 traballadores. Trátase da única planta da multinacional que produce a materia prima básica -procedente da bauxita- para toda Alcoa en Europa”, asegurou, logo de garantir o compromiso da Xunta para seguir acompañando as empresas galegas para que poidan crecer, gañar en competitividade, e axudar así ao progreso económico.

E, nesta liña, fixo fincapé en que o gasoduto forma parte deste obxectivo: “Estamos a falar, dun fito na política enerxética de Galicia porque contribuirá a implantar unha fonte de enerxía beneficiosa non só para mellorar a calidade de vida das persoas da Mariña, senón para incrementar a competitividade da pequena mediana empresa”, asegurou.

Respecto polo medio ambiente
Durante a súa intervención, Feijóo incidiu en que esta infraestrutura abastecerá unha empresa vital para esta comarca, como é a multinacional do aluminio Alcoa e salientou que o gas natural acehga beneficios en tres ámbitos clave: desde o punto de vista económico, xa que mellora a competitividade das empresas; desde o punto de vista enerxético, porque contribúe a elevar o grao de eficiencia; e desde o punto de vista ambiental é unha enerxía respectuosa co contorno natural.

No tocante ás características técnicas, o responsable do Goberno autonómico destacou que esta infraestrutura conta cunha lonxitude de 65 quilómetros; percorre, enterrado na súa totalidade, os concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro; conecta a planta de Alcoa co ramal do gasoduto Llanera-Vilalba; “e o prazo para a súa execución foi de nove meses, cun investimento próximo aos 65 millóns”.

Así mesmo, aseverou que a construción desta obra realizouse respectando o medio ambiente. Como proba disto, lembrou que “un dos principais retos construtivos foi o cruce do río Grande, que desemboca na ría de Ribadeo, onde foi necesario executar a perforación dirixida máis importante feita en España nos últimos anos para este tipo de infraestruturas, con case un quilómetro de lonxitude e profundidades de máis de 70 metros”. E, resaltou que esta nova canalización permitirá diminuír nun 26% as emisións de dióxido de carbono á atmosfera.

Feijóo concluíu insistindo en que a entrada en funcionamento do gasoduto da Mariña é unha aposta por revitalizar o tecido industrial da fachada norte de Galicia, “froito do esforzo compartido e unha oportunidade para achegar á poboación e ás empresas as vantaxes dunha enerxía máis eficiente e económica”.