Friday 01 de November de 2024

Ovidio Rodeiro destaca que as distintas liñas de axuda da xunta en materia turística aos concellos deixarán na comarca do Barbanza de case 200.000 euros


O delegado territorial da Xunta na Coruña informou destas achegas que reciben este ano os concellos para mellorar a calidade da oferta turística e para promover as súas festas

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, fixo balance das axudas que a Consellería de Cultura e Turismo destina case 200.000 aos concellos da comarca do Barbanza nas diferentes liñas de axudas. En primeiro lugar informou das axudas para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural. En segundo lugar valorou as achegas para a contratación de persoal nas oficinas de Turismo, e en terceiro lugar analizou as axudas para a promoción das festas de interese turístico de Galicia, coas que se apoia a súa difusión e promoción e se incorpora ademais a cobertura dos gastos para a posta en marcha da campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual en espazos públicos emprendida no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O delegado territorial destacou que “as achegas para a mellora da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos van dirixidas a mellorar a calidade dos recursos turísticos dos concellos para facelos máis atractivos aos visitantes”. Neste senso, apuntou que “estas subvencións están orientadas ao fomento e posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística dos municipios”.

Concretamente, na comarca do Barbanza recibirán estas subvencións a Agrupación Ría Muros-Noia, Boiro, Muros e Porto do Son.

Cómpre lembrar que o Goberno galego ampliou os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros, co obxectivo de afondar na colaboración coas administracións locais e mellorar as infraestruturas turísticas a través do seu embelecemento, a mellora da sinalización ou da accesibilidade, principalmente.

Nas convocatorias da Consellería de Cultura e Turismo se inclúen tamén as subvencións para contratación de persoal nas oficinas de turismo que recibirá A Pobra do Caramiñal, Muros, Agrupación de Concellos Outes, Lousame, Muros, Noia e Porto do Son e ao concello de Ribeira.

Tamén se recollen as axudas aos concellos para o apoio, promoción e difusión para as festas declaradas de interese turístico de Galicia que en 2019 beneficiará á Festa do Nazareno de A Pobra do Caramiñal, ao San Ramón de Bealo de Boiro, ao Gran Premio de Carrilanas de Muros, á Festa de Guadalupe de Rianxo e á Festa da Dorna de Ribeira.

Esta terceira liña de axudas se centra na promoción das festas de interese turístico de Galicia, coas que se apoia a súa difusión e promoción e se incorpora ademais a cobertura dos gastos para a posta en marcha da campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual en espazos públicos emprendida no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Estas axudas chegarán aos concellos A Pobra do Caramiñal, Boiro, Muros, Rianxo e Ribeira.

Están partidas destinadas aos concellos galegos nos que se celebren algunha das 124 festas de interese turístico de Galicia e contribúen ao apoio, promoción e difusión destas celebracións. Tamén inclúe a posta en marcha, durante a festa, da campaña Agresión Off, Eu digo non á violencia sexual.

As festas poden obter unha axuda de 6.000 euros, xa que as actuacións subvencionables relativas á promoción e difusión poderán acadar un máximo de axuda de 3.000 euros e as relativas á campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual en espazos públicos outros 3.000. En total, a liña de subvencións conta cun investimento global superior aos 600.000 euros coa colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Ademais, a Consellería de Cultura e Turismo conta cun convenio coa entidade financeira Abanca, polo que cada celebración pode acceder a unha axuda adicional de 1.500 euros.