As axudas apostan por fortalecer o tecido empresarial, mellorar as infraestruturas da Comunidade e fomentar o emprendemento industrial
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución da orde a través da cal a Xunta de Galicia investirá máis de 354.000 euros en obras en polígonos industriais de Carballo, Laracha, Cerceda, Zas e Cee. Estas inversións son posibles grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria e suporán un investimento total na comarca de 443.000 euros dos que a Xunta aporta o 80%.
Ovidio Rodeiro sinalou que con estas obras “a Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.
O representante do goberno autonómico destacou que “con estas novas axudas a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o co desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e con apoios ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia”.
A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña invístense 1,5 millóns para financiar 21 proxectos en 19 concellos.
Entre as iniciativas que se van a realizar destacan as actuacións de mellora da sinalización e da xestión dos residuos no polígono industrial de Acevedo en Cerceda cun investimento de máis de 133.000 euros e a instalación de vídeo vixilancia no parque empresarial de Laracha cunha achega que tamén supera os 95.000 euros.
A Xunta favorecerá a mobilización de 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia, dos que 32 eran Concellos Emprendedores no momento de realizar a solicitude, o que lles deu prioridade na concesión das axudas. En concreto, a través deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará 4,05 millóns de euros para a execución dun total de 57 actuacións que permitirán impulsar as infraestruturas dos polígonos.