Desexa “todo o éxito” ao deportista galego de alto nivel nos seus vindeiros compromisos, destacando a primeira proba da Copa do Mundo que se disputará nos próximos días en Miami
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo na mañá de hoxe un encontro de traballo co deportista galego de vela Iago López Marra. Na reunión mantida no Real Club Náutico de Portosín, o responsable de Deporte da Xunta de Galicia desexou “todo o éxito” ao deportista galego de alto nivel nos seus vindeiros compromisos, destacando a primeira proba da Copa do Mundo que se disputará nos próximos días en Miami.
No transcurso da xuntanza, Lete Lasa felicitou ao regatista de Portosín pola súa traxectoria, especialmente pola medalla de ouro acadada no campionato de Europa da calse 49er celebrado en Gdynia (Polonia) o pasado mes de xullo xunto ao cántabro Diego Botín.
O titular da carteira autonómica de Deporte fixo un breve repaso pola vela galega, asegurando que é “un dos nosos deportes máis tradicionais e exitosos” que conta cunha gran lista de nomes propios como os de Támara Echegoyen, Sofía Toro, Fernando Echávarri ou Antón Paz, todos eles medallas de ouro olímpicas. A estes nomes, dixo, hai que unir o de Iago López Marra, “que xa foi olímpico en Río e agardamos que en Toquio nos dea unha nova alegría a todos os galegos”. Neste sentido, Lete Lasa transmitiulle ao deportista galego que a Secretaría Xeral para o Deporte “permanecerá atenta aos seus pasos e que o continuará apoiando no seu camiño deportivo”.