Un total de 243 persoas van participar este sábado na Fieiteria na XVIII edición dos Xogos Autonómicos de Natación para individuos con discapacidade intelectual Special Olympics.
Para presentar esta cita compareceron no consistorio os concelleiros de Deportes e de Servizos Sociais, Juan Luis Martínez e Maricarmen Vizcaya; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; e Esther Vidal como presidenta da asociación de Amicos: un colectivo que tamén estivo representando por unha das deportistas que tomarán parte na proba: Carmen Piñeiro.
Inauguración
Ás 10.45 horas terá lugar a inauguración do evento, na deportistas de 24 asociacións desfilarán ante os presentes seguindo o cerimonial das Olimpíadas para, posteriormente, dar lectura ao lema de Special Olympics: “Quero gañar, máis se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”.
A competición comezará ás 12 horas, prolongándose ata as 19 horas, momento en que terá lugar o acto de clausura e de entrega de diplomas e medallas aos participantes. En total, entre atletas, adestradores, voluntarios e integrantes da organización daranse cita 393 persoas.
As asociación de toda Galicia que participan son 24, das cales 8 son da provincia de A Coruña, 8 de Pontevedra, 5 de Lugo e 3 de Ourense. Amicos, asociación anfitrioa, participará con 12 atletas e 2 adestradores.
Durante o acto de hoxe, Juan Luis Martínez fixo fincapé na aposta decidida que o Concello de Riveira está a realizar pola integración das persoas con diversidade funcional, tal e como se desprende da realización dun plan municipal de mobilidade ou a próxima posta en marcha dunha ruta de sendeirismo adaptada ás persoas autistas, a primeira en Barbanza destas características.