Friday 01 de November de 2024

Centos de persoas desafiaron á choiva e asistiron as distintas actividades do “Encontro de Saberes e Sabores” de Toxosoutos


A alcaldesa de Lousame confirma a continuidade destes encontros e anuncia que a próxima edición terá lugar en setembro no campo da festa de San Roquiño
“Pena de día”. Estas tres palabras, soas ou coa compaña dalgunha exclamación ou palabra malsoante, foron as máis escoitadas hoxe na contorna do mosteiro de Toxosoutos, onde o Concello de Lousame e a Asociación Máisdetres puxeron en marcha a primeira edición do “Encontro de saberes e sabores”.

E é que choiva, non moi forte pero continua durante toda a mañá, foi a gran protagonista da xornada. De entrada, amedrentou a un bo feixe de expositores, que unha vez en Toxosoutos decidiron non montar o posto que tiñan reservado. E, posteriormente, como a intensidade da choiva ía medrando fixo que moitos dos postos de artesáns e produtores locais tiveran que recoller para evitar que se lles mollaran os produtos.

Pese a todo, varios centos de persoas se achegaron durante a mañá ata o “Encontro de saberes e sabores”, que quedou reducido a pouco máis dunha vintena de postos. Os valentes que se achegaron puideron coñecer a horta de Toxosoutos, onde dende a UNED de Lousame se está tratando de recuperar distintas variedades autóctonas da comarca, e degustar distintos produtos ecolóxicos elaborados por artesán galegos, a gran maioría deles veciños e veciñas de Lousame. Os queixos, as empanadas (de bacallao, polbo e zamburiñas) e o pan de Chantada foron os máis aprezados, canda os numerosos planteis de prantas e herbas curativas.

Unha vez máis, a choiva foi protagonista e impediu as exhibicións programadas de cesteiros, carpinteiros, sobrereiros, tecedores e oleiros. A quen non conseguíu asustar foi ao cantar de cego, que coa súa zanfoña puxo a nota musical ao encontro. Unha música que adquiriu un valor aínda maior cando se trasladou ao interior da Igrexa de Toxosoutos, para introducir a conferencia do historiador Clodio González Pérez, quen fixo un ameno repaso cheo de anécdotas pola historia e o patrimonio de Lousame. Ademais de encher a igrexa ata os topes, Clodio González tivo tamén tempo para responder ás preguntas dos presentes, moi interesados sobre todo polo destino do claustro románico de Toxosoutos, que foi vendido nos anos vinte polo párroco de San Xusto ao Vizconde de San Alberto, que o incorporou ao pazo que estaba construíndo na Pena do Ouro (Noia).

Previamente, preto dun cento de valentes realizaron a ruta de sendeirismo programada, subindo ao monte Culou e con paradas nas dúas fervenzas e na ponte medieval. Iso si, a auga caída durante toda a mañá fixo que a marcha fose máis lenta do habitual e que a camiñata se extendera por riba das dúas horas, cando inicialmente se falaba de hora e cuarto.
Próxima cita: setembro

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, lamentou que o tempo non acompañara esta iniciativa e aproveitou para adiantarlles aos artesáns presentes que “o próximo mes de setembro imos celebrar un novo encontro no campo da festa de San Roquiño. Temos aínda que fixar o día pero será unha fin de semana que non coincida coas festas. E agardemos que nesa ocasión o tempo sexa máis benévolo”. Villaverde Pais percorreu os distintos postos e falou cos artesáns presentes, animando especialmente aos artesáns e produtores locais pois “aínda que hoxe non nos acompañou o tempo, a xente que se achegou a Toxosoutos marchou moi sorprendida e satisfeita polos produtos que aquí se exhibiron”.

Finalmente, a alcaldesa de Lousame aproveitou para saudar ao alumnado do “Obradoiro de iniciación en metodoloxía Bosquescuela”, que a Fundación Félix Rodríguez de la Fuenta impartiu esta fin de semana en Toxosoutos.