Friday 01 de November de 2024

A Escola Galega de Saúde para a Cidadanía mostra en San Sadurniño como manexar o estrés e a ansiedade


A Escola Galega de Saúde para a Cidadanía volveu este luns a San Sadurniño para impartir un interesante obradoiro sobre como tratar o estrés e maila ansiedade. O psicólogo do CHUS Marcos Calvo falou durante case tres horas ao respecto dun cadro que lle afecta de maneiras moi distintas a cada persoa e que, ademais de causarlle malestar a quen o padece, pode derivar noutros problemas para a saúde. O especialista insistiu na importancia de detectar a tempo os factores desencadeantes e, a partir de aí, aplicar medidas que nos axuden a manter o corpo estable.

Calvo definiu o estrés como “unha reacción que ten o organismo fronte a circunstancias que o apretan e que lle piden máis rendemento”. Circunstancias que, segundo o psicólogo clínico, poden ser axentes externos ou internos -preocupacións principalmente- “que aceleran o sistema e que lle piden máis esforzo”. Unha situación que lle impide ao corpo “funcionar de forma normal” e que lle provoca reaccións físicas relacionadas coa ansiedade. Algunhas das que citou Calvo son a baixa das defensas, ser máis proclives a infeccións, acusar maior cansanzo ou incluso que esquezamos cousas. E canto máis se prolongue no tempo o problema “máis dano fai”.

O tempo e a rapidez en reaccionar, empezando pola propia persoa afectada, son fundamentais. “Normalmente as persoas desde que temos unha situación que nos está provocando sufrimento ata que pedimos axuda pasa moito tempo. E canto máis tempo pasa, máis difícil é saír. Por iso é importante parar e reflexionar”.

Reflexionar significa adquirir consciencia sobre o propio equilibrio e ter en conta que, como sinala Marcos Calvo, “as preocupacións gastan enerxía e as cousas boas da vida ingrésana”. De cando en vez “hai que parar e facer balance de como andan as dúas cousas. Dicir simplemente ‘teño que cargar pilas, teño que coidar esta racha porque me estou descargando por outro lado’ pode axudar a saír desta situación”.

Iso si, non hai fórmulas máxicas para previr o estrés nin a todo o mundo lle desencadea problemas da mesma maneira. “Hai factores persoais e antecedentes familiares que fan que unha persoa sexa máis vulnerable. Pero se un intenta balancearse e coidarse cando é preciso seguramente pode protexerse. Ás veces depende da personalidade de cada un, non todos temos o mesmo ritmo para estar a pleno rendemento. Hai persoas que levan as cousas con máis tranquilidade e outras que necesitan máis estímulo para estar ben, que lles vai a marcha”.

Por esta razón é importante estar ao tanto da vida que levamos e de se hai algo que nos estea a afectar: “cando un ve que o grao de enerxía que está gastando é superior ao que ingresa e nota que empeza a prexudicar é bo empregar técnicas de relaxación, baixar as revolucións do corpo e tratar así de mantelo sempre estable. Pero é moi difícil atopar o límite porque non todos funcionamos igual”, asegura o psicólogo.

Ao obradoiro sobre o manexo do estrés e da ansiedade contou cunhas 30 persoas. A maioría delas foron veciñas interesadas no tema, aínda que tamén asistiron traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. A todas elas a Escola Galega de Saúde para a Cidadanía entregaralles unha acreditación da súa participación no evento, organizado pola área municipal de Igualdade e Servizos sociais.

Desde este departamento tamén se informou de que a EGSC dispón dun catálogo con ducias de cursos e actividades relacionadas coa saúde e o benestar que se poden solicitar para datas próximas se hai interese entre a veciñanza.

O próximo que hai programado é un obradoiro de Musicoterapia que se desenvolverá o 20 de xuño impartido por Damián Cairo Para inscribirse hai que contactar coa técnica de Igualdade no 981 490 027 (ext.1) -mellor pasar por alí e cubrir con ela a ficha- ou ben a través da web da EGSC.