Friday 01 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o 17 de xuño unha exposición de 26 imaxes do alumnado do Obradoiro de Fotografía


A Casa da Cultura “Santeiros de Chave” do Concello de Lousame acolle ata o próximo 17 de xuño unha exposición de 26 imaxes do alumnado do Obradoiro de Fotografía, unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame e impartida polo Colectivo Olláparo entre os meses de febreiro e abril. A mostra foi inaugurada pola concelleira de Cultura e Xuventude, María Regenjo, e polo presidente de Olláparo, Martín Casanova, diante de case medio cento de veciños e veciñas.

María Regenjo felicitou ao alumnado polo seu traballo e anunciou que “dende o Concello de Lousame seguiremos traballando en iniciativas deste e agardo que poidades seguir participando e aprendendo novas técnicas”. Pola súa banda, Martín Casanova explicou que a exposición “é unha mostra do que foi o curso e as prácticas que fixemos: hai retratos, tanto de interior como de exterior, unha saída á natureza e outra urbana por Noia e quizais o menos visto, que é todo o traballo feito con luces, lume e lanternas”.

Esta exposición colectiva recolle imaxes de Zuleika Parada, Santiago Rodríguez, Ana Ocaña, Emilio Romero, Encarnación Méndez, Iago Insúa, José Manuel Senra, José Ramón Carreño, Laura Ares, Manuel Castelo, Beatriz Maneiro, Manuel Mariño, Martí Romero, Patricia Alija, Raquel Mayo, Teresa Ponte e Jesús Campos.