Friday 19 de April de 2024

Máis de 120 persoas asistiron ao novo pase da obra Urxencias do Club de Maiores de Boqueixón, representada dentro do Ciclo de Teatro de Outono


Máis de 120 persoas achegáronse onte á Casa da Cultura de Camporrapado para gozaren dunha tarde de risas coa posta en escena da obra Urxencias. Esta é a cuarta ocasión en que o Club de Maiores de Boqueixón representa esta peza –desta volta, dentro do Ciclo de Teatro de Outono organizado polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña-, pero non por iso deixou de causar gran expectación entre a veciñanza.

Novamente, as aventuras e desventuras dentro da sala de Urxencias conquistaron ao público boqueixanés, que non deixaron de aplaudir ás persoas protagonistas desta representación. Dende o Club de Maiores de Boqueixón xa están a traballar nunha nova obra que estrearán nos vindeiros meses.

O Ciclo de Teatro de Outono do Concello de Boqueixón concluirá este sábado 14 de decembro coa posta en escena de Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño. O Grupo de Teatro do Concello de Ames protagonizará esta última sesión coa que se porá o broche a cinco intensas fins de semana de artes escénicas.