Saturday 27 de April de 2024

Moeche ten en marcha ou rematados máis de 187.000 euros en proxectos


 

O Concello de Moeche foi pechando nos últimos dous meses os procesos de adxudicación de distintas obras no municipio que ou ben xa están rematadas ou ben se encontran na súa fase inicial. Trátase de proxectos que atenden, por un lado, á mellora da rede viaria e da seguridade á beira das estradas e, por outra, a actuacións en materia de aforro e eficiencia enerxética. A maior parte das obras fináncianse con cargo á liña provincial do POS Adicional deste ano e no caso dos proxectos relacionados co aforro en electricidade unha parte dos cartos ponos o Concello e a outra parte provén de subvencións da Dirección Xeral de Administración Local e dos fondos FEDER xestionados polo Instituto Enerxético de Galicia.

Os proxectos centrados no aforro eléctrico están xa listos. O primeiro deles foi a instalación dunha caldeira de pellets e un sistema de distribución de aire quente no local social do Pereiro, que supuxo un investimento de algo máis de 9.200 euros con finanzamento europeo tramitado polo INEGA. O equipamento xa leva varios días funcionando, co obxectivo de baixar a factura da luz uns 600 euros anuais e, ademais, mellorar notablemente as condicións de uso e de conservación do espazo.

A outra intervención que tamén está finalizada é a da substitución das vellas farolas entre a capela de San Ramón e o Centro de Saúde para adaptar a iluminación pública desa zona á tecnoloxía led. O cambio en Cristo do Rañal suporá un incremento da calidade lumínica e, ao mesmo tempo, unha redución de consumo próxima ao 37%. A intervención adxudicouse en 30.595 euros dos que o Concello asume con recursos propios arredor de 14.000, mentres que os 21.000 e pico restantes proveñen dunha axuda da Dirección Xeral de Administración local da Xunta de Galicia. A obra insírese nun programa plurianual que prevé ir renovando aos poucos toda a rede municipal, algo que xa se fixo ao longo da AC-862, tamén na Rúa 23 de Abril e no recinto feiral.

O terceiro apartado de contratos adxudicados e xa en marcha ten que ver coa reparación de estradas e coa mellora da seguridade do tráfico. En todos os casos trátase de proxectos acollidos ao POS+ e ao POS Adicional 2019 da Deputación da Coruña. O de maior importe -69.575 euros- é a intervención agrupada nun mesmo plan técnico para aglomerar a parte sur do recinto feiral -a explanada fronte á nave do gando- e a estrada das Pedreiras, que comunica Moeche con Bardaos. A primeira parte non só consistirá en botarlle unha nova capa de aglomerado á chamada Rúa da Feira, senón que tamén fixo falla dotala de infraestruturas de drenaxe e de evacuación de pluviais das que non dispuña ou que estaban en mal estado. A segunda parte do proxecto, a da pista das Pedreiras, tamén implica a preparación de beirarrúas na confluencia coa estrada de Ortigueira e a reposición de canalizacións ao carón da depuradora municipal.

Este proxecto encóntrase neste momento á espera de botar o novo firme na zona da Feira -a obra hidráulica xa está finalizada-, mentres que nas Pedreiras os traballos encóntranse na súa fase inicial de limpeza e preparación do terreo como paso previo ao comezo das obras.

Os outros tres contratos suscritos recentemente polo Concello coas respectivas adxudicatarias empezarán nos próximos días. Todos eles están acollidos ao POS Adicional, que se nutre con achegas económicas xeradas pola Deputación con posterioridade á convocatoria do POS+.

A reparación do camiño das Filgueiras -cun custe de 22.500€- abranguerá desde o límite con San Sadurniño até o cruzamento da área recreativa de Souto Grande, ademais do amaño dun tramo de pista que enlaza a Casanova coa estrada de Ortigueira no Libureiro.

En 27.996 euros tamén se adxudicou o amaño de dous camiños adxacentes na zona da Ribeira e tamén da coñecida como estrada de San Xiao, que suman en conxunto uns dous quilómetros e medio de vías municipais.

O último dos proxectos acollidos ao POS Adicional 2019 que xa está contratado e de comezo inminente centrarase na ampliación do número de marquesiñas e dos peches de colectores do lixo. As novas casetas do transporte instalaranse en Finlle, nas Sete Pontes, Penasalbas, O retorno e Portogonzalbo. No caso das bases e amarres de colectores está previsto que se fagan obras en 32 puntos do concello, 13 para un único depósito e 19 para dous. Tamén se colocarán 10 abrazadeiras de aceiro inoxidable. O proceso de licitación desta actuación resultou nun prezo final de 27.576,35 euros.